Non se pode dicir que sexa un xogo bonito, nin que envellecese nin medianamente ben. Porén, no seu día a idea e a demo flipábanme, e igual por iso o xoguei con certa emoción que me fixo desfrutar.
Con todo, os movementos son incómodos, a cámara fixa, a imposibilidade de voltar atrás no escenario e os polígonos de mediados dos 90 son crimes contra a xogabilidade que lastran en exceso. Tamén o feito de que o único xeito de entender a historia sexa rematar o xogo -e aínda así...- é outro problema que podemos achacar á época e aos poucos medios do estudo. Por último, os niveis de dificultade son bastante aleatorios, do fácil ao normal hai un salto enorme.
Penso, malia os seus evidentes e numerosos defectos, que a idea está ben, o deseño base tamén e é probábel que cun bo remake que lave ben a cara e asuma o punto de mira na xogabilidade e o control, se poida desfrutar moitísimo.

Divertidísimo no absurdo que propón, na súa autoconsciencia e no que é a base da súa xogabilidade: o control en base a controlar as esquinas da rebanada do pan e o seu balanceo. Iso si, faise moi curto e o xogo é dos que rebentan as mans así que botas unha partida algo longa. Pero esa tensión é tamén a que che dá satisfacción ao pasar cada nivel, atopando un dos posíbeis xeitos. Aparte, a "historia" é maxia do absurdo, até o seu epílogo.
O único malo, algún bug que nalgún agarre fixo que tivese que reiniciar o nivel.

Unha aventura gráfica centrada na investigación e cun ton serio e sobrio. A investigación criminal, malia ser corta, funcioona ben. Non tanto o feito de que ten unha pretensión teolóxica moito maior do que é quen de realmente ofrecer. Ao final é unha historia simplista a nivel filosófico sobre ben e mal, nunha situación onde é obvia a moral e que só se pode apoiar dende unha lóxica de fe en deus (neste caso xehová) e ferro non tan a fondo. Unha mágoa, con tódalas posibilidades que tiña.

A mecánica do xogo é estupenda. A idea de ir facendo parkour en primeira persoa, apoiándonos en paredes e plataformas, escalando tuberías, meténdonos por conductos... Mola mil e está perfectamente deseñada para que sexa rápida e intuitiva (igual é doado de máis ao marcar os obxectos). Transmite a adrenalina sobre todo cando toca escapar e faise complicado a nivel de puzzle nalgún segmento.
O problema é que é un xogo fillo do seu tempo, con pretensión de ir ao gran público, e acaba buscando, a través da historia, fliparse. Acabar con esa premisa para darnos combates de disparos, e rodealo cun intento de cyberpunk cutre para explicar que pasa é un problema. Ás veces, compensa máis non contar moito. Ou simplificar.
Por sorte, o videoxogo é un arte interactivo, e nesa parte, Mirror's Edge logrou bordalo.