Unha xoia que define como facer dun xogo un arma para a aprendizaxe política e histórica. Meternos nun grupo da Resistencia contra os nazis no Berlín dende a subida ao poder de Hitler até o fin da 2ª GM é algo xa mil veces feito, pero nunca dunh maneira tan persoal e desoladora como neste xogo. As decisións que tomamos importan moito, e asistimos tanto a situacións reais concretas como a encontros que sucederon mil veces. É difícil desenganchar unha vez estamos dentro e a loita pola estratexia correcta mantendo a moral alta, o apoio de seguidores, unha boa situación económica para poder facer accións é desoladoramente difícil, como ocorre realmente nun grupo político antifascista, e máis nese momento histórico.
A interface, sendo simple, funciona moi ben unha vez entramos, e mola moito que tanto a nosa personaxe como as que imos atopando se xeren aleatoriamente, permitindo xuntar comunistas con socialdemócratas, anarquistas ou con cristiáns na loita contra o mal maior e obrigándonos a apoiarnos en intelectuais, obreiros e comunidades relixiosas para poder sobrevivir na defensa dos perseguidos.
Se iso, só lle boto en cara o feito de pegar saltos temporais que reinician o noso traballo, estropeando a experiencia nivel de acadar obxectivos.

Unha aventura das que tentan levar a narración de videoxogos a outro nivel. Unha pequena historia que parece beber do Lynch da época de Blue Velvet ou Twin Peaks onde xiramos arredor da perda, do duelo e do alcoholismo.
Non é que sexa moi complexa como aventura gráfica e todo é demasiado evidente nese senso, pero compénsase cunha perspectiva narrativa que deixa moitas cousas abertas.
A ambientación nun instituto dos 80, por certo, funciona moi ben co apartado gráfico.

Unha especie de Castlevania se Castlevania fose feito para metaleiros (máis específicamente, quero dicir). Un prota chamado Bathoryn, posibilidade de facer headbanging ao matar aos monstros... Ese é o nivel de flipadismo.
En canto ao xogo, entretén o xusto, pero os niveis son bastante lineais e malia non ter tantos, chegan a facerse repetitivos, e historia case molesta máis do que aporta. Destaca máis no deseño dos monstros de fase, que polo menos si son un reto mínimamente currado. Tamén se agradece a intención retro do pixelart, pero xa está.

Un shooter lateral máis, interesante pola perspectiva de metaleiro flipado mesturado cun aire futurista e que non deixa de ser unha continuación do Slain, da mesma compañía e que levaba o mesmo nivel de fliparse.
O deseño dos niveis, sen ser nada especial, é variado e polo menos os masillas son temáticos a cada un. Os monstros de fase están ben, e igual onde falla algo máis é na falta de coherencia na súa dificultade. Destaca especialmente o deseño das armas que nos permite ir recollendo, algunha é unha pasada.
En xeral entretén, pero non pasará á historia por nada especial.